SOTELO DESTACA A MELLORA DE INFRAESTRUCTURAS COMO OUTRA DAS SÚAS PRIORIDADES
“De pouco servirá a nova autovía se non melloramos os viais secundarios. Como no corpo humano para ter unha boa circulación non é suficiente ter ben as arterias, senón que tamén hai que coidar os capilares” explica o líder popular.
O candidato do Partido Popular continúa decidido a achegar a todos os cangueses e canguesas as súas propostas coa que aspira a transformar Cangas ao longo dos próximos catro anos. Nesta ocasión, o actual rexedor aborda un asunto vital para a vila como son as infraestructuras. “Todos os anos chega o verán e comprobamos que Cangas non ten as infraestructuras que precisa” afirma, “se ben é necesario a conversión do corredor en autovía é tamén moi necesario mellorar os principais viais interiores do noso concello que soportan, ano a ano, unha importante carga de tráfico” explica.
Esta lexislatura acometeuse a renovación da pavimentación da PO- 551 e da PO- 315, as principais estradas de acceso ao municipio. Ademais xa se está traballando na urbanización da estrada que une a avda. de Lugo – A Boubeta en Coiro, con especial incidencia na mellora da seguridade vial, xa que neste tramo hai localizado un recinto escolar. Tamén merece unha mención a licitación do proxecto de urbanización da estrada pronvincial EP-1005 que une O Viso co Igrexario na parroquia de O Hío e que supón unha inversión que supera o millón de euros.
Na aposta pola mellora dos viais municipais ocupa un lugar destacado o desenvolvemento por fases da variante que unirá a rotonda de A Rúa coa PO- 551 á altura do Anuska. “Un vial crucial para o desenvolvemento de Cangas que sirva como auténtica alternativa a cruzar o casco urbano” sinala Sotelo. “Na primeira fase queremos construir a parte que une a avda. de Marín coa avenida de Lugo e a saída da vila” explica, xa que para os populares é a máis urxente. Deste xeito tamén se melloraría a comunicación da zona onde se encontran importantes instalacións deportivas como a piscina municipal ou as pistas de atletismo. “Somos realistas, sabemos que non é posible facer todo do tirón, pero estamos convencidos de a viabilidade de facelo por fases, dando unha solución paulatina a un dos maiores problemas de tráfico de Cangas” reclaca o candidato popular, que recorda que xa está licitada a redacción deste importante proxecto.