SOTELO VISITA O CASCO VELLO DE CANGAS

O líder do Parido Popular de Cangas J. E. Sotelo, visitou esta mañá o casco vello de Cangas acompañado por membros da súa candidatura. Ao longo do percorrido, o candidato percorreu as rúas Retrama, Nova, Garelly, Pablo Iglesias, pasando pola praza do Arco, continuando por Saralegui e Fomento, todas rehabilitadas neste mandato que termina, “levamos catro anos amosando o noso compromiso co casco vello, desenvolvemendo proxectos para a súa rehabilitación e a reposición de servizos” explica, ”estamos falando de 2,5 km de rúas humanizadas cun investimento de 2,1 millóns de euros” destaca. “Agora parece ser que todos descubriron o casco vello, pero o único certo e que cando puideron non fixeron nada para a súa rehabilitación” declara.

De cara aos próximos catro anos Sotelo aboga por continuar pola senda iniciada, “queremos continuar desenvolvendo este traballo coa rehabilitación das rúas Lirio e Santa Baia, así como recuperar o barrio do Outeiro, orixe da nosa vila” recalca. A estas actuacións os populares suman o proxecto de rehabilitar o barrio do Forte, “transformando a súa imaxe” aseguran.

Comedor Social

A última hora da mañá o candidato popular mantivo unha xuntanza cos responsables do comedor social que xestiona a Asociación de Caridade Santiago Apóstolo para coñecer de primeira man as necesidades deste colectivo que desenvolve unha importante labor social na vila. Sotelo reiterou o seu compromiso, presente no seu programa electoral, de adquirir o local no que se encontra actualmente o comedor en situación de arrendo simbólico, “para tranquilidade dos responsables do servizo e dos propios usuarios, ante posibles vicisitudes” remata.