SOTELO RECOLLE AS BANDEIRAS AZUIS OTORGADAS A CANGAS DE MANS DO PRESIDENTE FEIJÓO

Este luns José Enrique Sotelo como alcalde en funcións de Cangas acudiu ao acto de entrega das Bandeiras Azuis que tivo lugar na localidade coruñesa de Ribeira, acompañado polo edil de Praias e Medioambiente Jesús Graña. No evento, que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, repartíronse as 150 bandeiras azuis para areais de toda a comunidade e 19 para portos deportivos. Neste sentido hai que salientar que Cangas está a cabeza, seguindo de preto a Sanxenxo, como uno dos municipios con máis galardóns tanto a nivel galego como nacional. Concretamente, o municipio foi premiado con 10 bandeiras azuis para as praias de Melide, Nerga, Liméns, Areamilla, Rodeira, Menduíña, Francón, Areacova, Areabrava e Arneles, ás cales hai que sumar o recoñecemento acadado polo roteiro “azul” de Donón e para o Porto Deportivo que o consegue por primeira vez e que suma a “Q” de Calidade Turística logrado o pasado ano. En total suman 12 galardóns que recoñecen a labor e a aposta decidida pola calidade, poñendo en valor o entorno natural como un dos seus principais atractivos turísticos.