SOTELO DEFENDE QUE O PP DEIXOU UN CONCELLO “SOLVENTE” E “FIABLE”

O líder popular saca peito da labor de goberno realizada na pasada legislatura, “reducimos o remanente negativo de tesourería de -17 millón a menos dun millón de euros e deixamos máis de 5 millóns de euros en obras xa iniciadas ou a piques de rematar” sinala.

Sotelo ofreceu unha rolda de prensa na que explicou con detalle cal foi o verdadeiro balance da xestión popular do Concello de Cangas, “fronte as mentiras e os enganos do tripartito, que quere gobernar xogando a ser oposición botándolle a culpa de todo ao PP para tapar a súa incapacidade para xestionar” declara. “Pero a realidade é ben distinta. Ao longo da pasada lexislatura fomos quen de enderezar o rumbo do Concello despois de catro anos de caos, pagando a proveedores e as facturas agochadas no caixón (máis de 3 millóns), coa axuda e o traballo dos técnicos municipais” explica, “pasamos de non pagar a facelo por debaixo do que marca a lei (-0,54 días), as partidas de persoal e de gasto corrente supoñen menos do 50% do orzamento no presente exercicio e o resultado orzamentario dos pasados exercicios foron positivos” engade. “Non imos permitir que o tripartito bote por terra todo o traballo feito con mentiras e demagoxia” recalca.

A xestión económica Sotelo suma as obras iniciadas ou a piques de rematar. “Puxemos en marcha a urbanización avda. Lugo – A Boubeta, melloras nas rúas do casco vello como Garelli e Pablo Iglesias ademais das céntricas rúas Noria e Antonio Nores” enumera, “e asfaltamos camiños de San Pedro, Longán e San Roque entre outras actuacións” engade. ” O cambio das luminarias da avda. de Vigo, o parque infantil de A Choupana, a rehabilitación da Casa do Médico en Hío ou a subida de Espiñeira e a senda de Vilariño en Aldán son outras obras que engrosan a importante lista de traballos emprendidos polos populares na pasada lexislatura, “unha importante herdanza a recibida por parte deste tripartito sustentada no traballo, no rigor, na honestidade e na humildade”.

Un goberno de perdedores

Sotelo denuncia o cinismo político das formacións que conforman o goberno tripartito de Cangas, “que decían unha cousa na oposición e agora fan outra no goberno”. “Seguen actuando como na oposición, botando a culpa de todos os problemas ao PP despois de máis de dous meses no goberno, tratando de ocultar a súa incapacidade de xestión” afirma. “A xestión do ciclo da auga, cunha resolución pola porta de atrás, a paralización da piscina municipal, a xestión das Festas do Cristo, o caos vivido en Argálica con decisións contradictorias, o a renuncia de tres bandeiras azuis son só algúns exemplos da súa incompetencia” remata.

Por outra banda os populares anunciaron que emprenderán unha campaña para revisar o estado de todos os areais do municipio.