SOLIÑO DENUNCIA A IMPROVISACIÓN DO TRIPARTITO NA ORGANIZACIÓN DAS FESTAS

O concelleiro popular sinala que Cangas non conta con patrulla da garda civil polas noites debido a que o Concello non a solicitou por escrito ata un día despois de comezar as Festas do Cristo.

O edil do Partido Popular de Cangas Rafael Soliño denunciou hoxe publicamente o constante estado de improvisación e de caos na xestión dos asuntos municipais. O novo caso do desgoberno do actual equipo de goberno local foi a carencia de reforzo de forzas de seguridade, durante as Festas do Cristo, datas nas que Cangas está abarrotada de xente xa que o goberno tripartito as solicitou por escrito un día despois de comezar as festas.

Soliño destaca que tanto o alcalde como todo o goberno móvense con absoluta descoordinación dando palos de cego por todas partes. “Non acertan unha. Que non lle voten a culpa a ninguén” explica, en referencia as críticas do alcalde ao subdelegado. Como xa ven sendo habitual, o goberno tripartito pretende gobernar en asumir ningunha responsabilidade do que acontece na vila, culpando aos demais das súas promesas incumpridas e da súa incapacidade de xestionar o Concello de Cangas.