PREOCUPACIÓN NO PP DO MORRAZO POLO FUTURO DAS AXUDAS PROVINCIAIS AOS CLUBS DEPORTIVOS

 Cando algo funciona, proveña do goberno que proveña non se debería cambiar.

  • Sotelo explicou que os máis de 100 clubs deportivos que hai na comarca están neste momento sen información e sen poder facer unha previsión de cara ao próximo ano. 

 

Os deputados provinciais do Partido Popular, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, continuaron esta tarde coa rolda de visitas que están mantendo por todas as comarcas da provincia. Nesta ocasión tocoulle a quenda a Cangas, onde se reuniron co tamén deputado provincial e presidente do PP de Cangas, José Enrique Sotelo, coa voceira do PP de Bueu, Berta Pérez, co concelleiro de Marín, Pablo Novas e con outros concelleiros de Cangas.

Os populares trasladáronlle aos deputados provinciais a súa preocupación polo futuro das axudas aos clubs deportivos e deportistas do Morrazo que dependen da Deputación. “Estamos na comarca do deporte por antonomasia, con 6 medallas olímpicas e onde máis do 10% da poboación ten licencia federativa, onde os clubs tiñan subvencións e axudas da Deputación e agora non saben cal vai ser o seu futuro de cara ao próximo ano”, explica Nidia Arévalo.

Nesta mesma liña, Sotelo explicou que a precoupación fundamental dos populares está neste momento centrada no deporte, onde hai máis de 100 clubs deportivos en toda a comarca e que neste momento transmiten a falta de información e de previsión que teñen, porque desde a Deputación non se acaban de aclarar”.

Ángel Moldes, pola súa parte, explicou que “cando algo funciona, proveña do goberno que proveña non se debería cambiar. E no deporte as cousas funcionaban co anterior goberno e agora non se sabe o que vai ocorrer. Moldes puxo de exemplo o plan de compra de furgonetas para os clubs deportivos, no que había certo excepticismo ao principio polo seu funcionamento e acabou sendo un plan moi demandado e con lista de espera, porque era algo verdadeiramente útil e moi demandado polos clubs deportivos das diferentes modalidades.

Moldes sinalou que “no acordo do bipartito estaba prevista a retirada das escolas deportivas, só polo simple feito de que as creara o goberno do Partido Popular, despois recuaron e continúan con elas, pero a un goberno que presume de estar ao carón dos concellos non se lle poden permitir estos bandazos”.

Entre outros asuntos, o voceiro do PP cangués e deputado provincial tamén criticou a eliminación da Escola de Gaitas e amosou a súa precoupación polo estado dos viais provinciais como é a estrada de Coiro, o vial do Viso – Igrexario e os restos arqueolóxicos do Facho, co que a Deputación asinou un convenio co Ministerio de Fomento.