CONCELLEIROS DO PARTIDO POPULAR DE CANGAS DENUNCIAN O ABANDONO QUE SOFRE O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DO MONTE DO FACHO

Concelleiros do Partido Popular de Cangas comprobaron “in situ” o lamentable estado de abandono no que se atopa actualmente o xacemento arqueolóxico do Monte do Facho, situación que cualificamos de vergoñenta.

Neste último ano, o que foi noutro tempo un lugar emblemático tanto a nivel comarcal como provincial converteuse,  a causa  da desidia do Concello de Cangas como da Deputación Provincial, nun escenario no que a maleza crece sen control tapando estruturas de muros das vivendas recuperadas, rodeando o propio xacemento e invadindo o acceso polo que dificilmente transita unha persoa como se pode apreciar nas fotografías que se achegan.

Culpabilizamos á actual Corporación e a Deputación de Pontevedra porque a pesar de existir un convenio asinado entre a administración local, provincial e o Ministerio de Fomento para a posta en valor e conservación deste enclave, cunha inversión de preto de 600.000 €, non investiron nada!. Pero este feito non xustifica a falta de limpeza que sufre o entorno posto que como en anos anteriores estas tarefas se poñían en marcha  con medios propios, destinando unha brigada  para ese traballo.

Pero é que a historia se volve a repetir destapando esa “profunda preocupación” que ten o Sr. Pazos polo patrimonio cultural de Cangas, primeiro sendo responsable de Cultura na lexislatura 2007-2011 e agora como Alcalde e máximo responsable municipal. En ámbalas dúas etapas mostrouse impertérrito ante a situación de abandono do xacemento, amosando publicamente a pouca sensibilidade que ten para preservar este legado patrimonial. Dicirlle ao Sr. Pazos que quen esquece a súa historia está condenado a repetila!.

O xacemento de O Facho é fonte de riqueza cultural polo seu gran valor científico e sociolóxico, pero ademais sen dúbida algunha turístico, algo que lle debe preocupar en gordo ao ínclito concelleiro de Cultura, tanto como os restos arqueolóxicos almacenados “misteriosamente” no soto do Auditorio Municipal e depositados nunhas supostas “caixas de peixe” que continúan sen ser trasladas ao Museo Provincial como asegurou no seu día que faría.

En definitiva, desde o Partido Popular queremos ademais de denunciar os feitos esixir á actual Corporación municipal que tomen conciencia da situación e xestionen e mobilicen os medios necesarios para frear a degradación deste asentamento.