O SR. JUNCAL PARALIZA A MANCOMUNIDADE

O Concelleiro popular, Pío Millán, arremete contra o actual Presidente da Mancomunidade do Morrazo acusándoo de paralizala.

Dende o grupo municipal do Partido Popular de Cangas queremos trasladar a falta de compromiso que ten o actual presidente da Mancomunidade e alcalde de Bueu, Félix Juncal, con esta administración comarcal.

Mantén unha aptitude hipócrita, dicindo unha cousa e facendo o contrario, afirma o concelleiro cangués, quen engade que ao Presidente en funcións da Mancomunidade enchéselle a boca prometendo novos retos e claro compromiso de traballo para que esta administración funcione como un relo, pero a realidade é outra. Cando Félix Juncal toma as rendas desta Institución, e xa van varias veces que lle tocou presidir, eses períodos de goberno destacan pola falta de xestión, carencia de decisións e sobre todo “un deixar pasar o tempo” para que a presidencia rotatoria se poña en marcha cedendo o cargo ao seguinte sen solucionar os problemas reais do ente supramunicipal.

No mes de marzo deste ano empeñouse en levar á Asemblea da Mancomunidade unha modificación de estatutos, sen ningún tipo de consenso, xustificando que había urxencia por cumprir coa legalidade. Transcorridos máis de catro meses dende a celebración da citada Asemblea, aínda non fixo nada para resolver as alegacións presentadas e convocar unha nova reunión para a súa aprobación definitiva, manifesta Pío Millán e recalca que agora xa non debe ter apuros por resolver esa urxencia, aínda que non nos ten que sorprender xa que é unha táctica habitual do Sr. Juncal, esperar que os problemas desaparezan por arte de maxia.

Outro tema importante anquilosado é a aprobación da Conta Xeral do 2016. O 28/03/2016 informóusenos que estaban a exposición pública as contas para a súa posterior aprobación. Tendo en conta que existen uns prazos establecidos legalmente para este proceso, a día de hoxe aínda non temos noticias da convocatoria da Comisión Especial de Contas nin da posterior Asemblea para a súa aprobación, incumprindo de forma clara a obriga legal de cumprir uns prazos establecidos. Levamos catro meses e medio esperando pola convocatoria da comisión e da asemblea.

O concelleiro de Cangas insiste unha vez mais, que esta é a forma habitual que ten de presidir a Mancomunidade o Sr. Juncal, deixando pasar o tempo sen facer nada por xestionar o día a día, nin buscar solucións aos problemas que lle aparecen á Mancomunidade, que non son poucos, e esperar que a seguinte presidencia  solucione os problemas que el agora arrincona.

Estes feitos negativos teñen un responsable por acción que é o alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade, e dous responsables a maiores por consentirllo que son a alcaldesa de Moaña e o Alcalde de Cangas, apostilla Millán.

Dende o grupo municipal do Partido Popular de Cangas esiximos que se convoque o antes posible a Comisión Especial de Contas e a Asemblea da Mancomunidade para que se traten temas tan importantes como a modificación de estatutos, orzamentos 2016 e a Conta Xeral do 2015.

Pío Millán