A PRESIDENTA DA DEPUTACIÓN PRETENDE XUSTIFICAR A SÚA IGNORANCIA CULPABILIZANDO A OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Lamentamos que a Sra. Silva utilice argumentos ficticios para xustificar a falta de operatividade da Deputación no tema de O Facho acusando a Fomento de non cumprir co Convenio.

O grupo municipal do Partido Popular quere demostrar a súa desconformidade coas declaracións da Presidenta da Deputación, ao pretender botar balóns fóra no incumprimento do convenio asinado no seu día entre o Concello, Deputación e o Ministerio de Fomento para a posta en valor e conservación da xacemento arqueolóxico do monte de O Facho en Donón.

Os populares se preguntan como unha persoa pode mentir tanto falando de incumprimentos cando todos sabemos que xacementos como o de Santa Tegra ou a Lanzada co mesmo convenio que o de Cangas están en marcha? Por que O Facho non? Por que Cangas volve con esta Deputación a quedar ao marxe e non invisten na localidade? Por que o Concello de Cangas está calado e o concelleiro de Cultura non actúa?, ao tempo Rafael Soliño, pon en valor o traballo realizado na anterior lexislatura polo PP en Cangas no tócante ao xacemento de O Facho, e subliña que antes si había un mantemento, a pesar de que ninguén os axudara salvo as achegas puntuais recibida da Deputación provincial, e que se preocupaban polo xacemento e priorizaban a súa limpeza, incluso con medios propios, co esforzo económico que implicaba dada a situación delicada das arcas municipais, e conseguían con vontade mantelo nunhas condicións medianamente aceptables, apunta o concelleiro popular, quen ademais engade que para elo facía falta traballo e non un goberno como o actual que actúa por inercia.

O Facho precisa operatividade e continuidade e non unha Presidenta Provincial que manipule a información acusando a outras administracións de non actuar coa musealización, consolidación, etc., cando é unha falsidade que encubre un reparto partidista e sectario dos fondos da institución provincial. Soliño recorda que a Deputación esquece a Cangas non só co abandono do Facho, senón ademais coa falta de mantemento  e limpeza de estradas provinciais ou co incumprimento das obras Viso-Igrexario.

Por último, indica que o responsable da área, Heitor Mera, actúa como un concelleiro pantasma, ao que ninguén ve nin sinte no tema do Facho, salvo para acusar ao PP de agochar as aras do xacemento en caixas de peixe, nas que pensa Soliño, aínda continúan. É todo un exemplo de desidia, conclúe.