GALLEGO CRITICA A FALTA DE IMPLICACIÓN DOS RESPONSABLES MUNICIPAIS COA LABOR DO COMEDOR SOCIAL

A concelleira do grupo municipal do Partido Popular denuncia a través deste comunicado, a falta de implicación  e total descoñecemento da labor que realiza o Comedor Social de Cangas.

Unha vez máis a concelleira popular, Dolores Gallego, lamenta a falta de apoio e interese que desde o departamento de Servizos Sociais dirixido polo concelleiro de ASPUN, Tomás Hermelo, demostra pola actividade humanitaria que desempeña o Comedor social, e o convida a que o visite e coñeza “in situ” a labor social que alí se realiza, en lugar de retirarlle subvencións, preto dun 80% menos das axudas que anualmente percibía con carácter nominativo da Deputación de Pontevedra na anterior lexislatura (6000 €) e que agora o Concello limita a 1400 €.

Gallego recoñece o grande mérito desta asociación, que presta uns servizos indispensables, ocupándose dos máis necesitados, das persoas sen recursos, dos que non teñen que comer nin onde facelo. Cubren a inquietante cifra de 75 a 80 menús diarios, para as persoas que deciden acudir á instalación. Tamén atenden a 360 persoas semanalmente nos seus domicilios, por diferentes motivos: falta de mobilidade, familias con menores a cargo, familias numerosas, etc., proporcionándolles lotes de alimentos, frescos, conxelados, e alimentos non perecedoiros. Subministran mobles e roupa a aquelas familias que o precisan, encargándose da recollida, almacenamento e entrega dos mesmos. Unha labor, que a xuízo da edil é encomiable, mire por onde se mire.

Ao mesmo tempo, a concelleira popular quere chamar a atención dos responsables municipais e tamén porque non dos provinciais, para que non deixen de implicarse con estas asociacións sen ánimo de lucro, que desempeñan unha labor social tan

importante, ocupándose de familias cunha situación económica precaria, dos que sen a axuda proveínte desta Asociación carecerían de recursos para subsistir.

Para Dolores Gallego esta situación de falta de colaboración municipal é desalentadora, sobre todo para quen diariamente traballa de maneira altruísta na Asociación,  dándoo todo para axudar a mitigar parte das carencias dos nosos veciños e veciñas, mentres os responsables locais prefiren mirar para outro lado.

Non queren implicarse, prefiren obviar a realidade e sentarse nos despachos preparando titulares de prensa para vender as “limosnas” como axudas  para colectivos sociais. Dende logo tomar esa vía non é a solución, indica Gallego, quen asegura que  a falta de interese municipal é tan palpable que incluso non se preocuparon en repoñer a unha traballadora social para estudiar e valorar o grao de necesidade das familias demandantes dos servizos da Asociación, tal e como se viña facendo a través dos Plans de emprego da Deputación co Partido Popular.

En definitiva, é intolerable a falta de sensibilidade demostrada polo actual goberno local, quen por responsabilidade política ten a obriga moral e social de mudar de actitude e apoiar a colectivos deste tipo cunha maior cooperación e alcance.