GRANDES FOTOS PARA UNHA FALTA DE XESTIÓN EN TEMPO E FORMA

Ante a noticia aparecida hoxe neste medio, sobre a visita do Alcalde e o concelleiro de Facenda de Cangas,  dende o Partido Popular temos que dicir que a estes señores lle importa mais ter unha fotografía en Pontevedra que implicarse mais en solventar os problemas que se presentaron coa regularización catastral.

Insistimos na falta de implicación do goberno municipal, tendo en conta as propias manifestacións do seu alcalde. Dende o Concello non se descoñecía que os recibos do IBI 2016 ían ser emitidos no mes de agosto. Pero o seu alcalde non fixo nada por anticiparse a este problema, sabendo que no mes de abril había unha preocupación clara pola veciñanza de Cangas e existían probas claras de erros neste proceso. Ninguén do goberno municipal fixo seguimento algún da evolución dos recursos, sendo un problema que afectaba directamente a os nosos veciños e veciñas.

Deberían terse preocupado, antes da emisión dos recibos; da situación dos recursos e que ía suceder cos recibos de 2016, por tanto a reunión que nos venden a bombo e platillo do día de onte na Xerencia Territorial do Catastro debería terse celebrado antes do mes de agosto, e así poder anticiparse aos problemas que ían aparecer co envío dos recibos a rúa.

Pero unha vez mais, os acontecementos atropelan a este goberno, e as consecuencias pagámolas todos, a cidadanía de Cangas. E intentan diluír a falta de xestión en tempo e forma coa publicidade dunha reunión que debería terse celebrado antes.

A verdade e que xa entendemos que se lle de publicidade a este tipo de temas, mentres se fale do Catastro e se poida eludir responsabilidades, botándolle as culpas a outras administracións non se fala da falta de xestión e sobre todo das confrontacións internas dentro do goberno de Cangas, esta fotografía non deixa de ser unha cortina de fume.

Para rematar dicir que o proceso de Regularización Catastral é un procedemento aplicado a todos os municipios de España, salvo as Comunidades Forais, en base a unha normativa publicada polo Ministerio de Hacienda no 2012, e se divide en varias fases, iniciándose o traballo técnico a inicios do 2013. Dicir que o Concello de Cangas entrou na última fase de Concellos, en concreto a finais do 2014; sabendo que outros concellos do entorno entraron neste proceso con anterioridade. Repetir un proceso xeral a todo o estado, non so ao Concello de Cangas, como algúns se empeñan en trasladar.