O PP CELEBRA QUE O CONCELLO ACTUE POR FIN NA ROTONDA DE A RÚA

O grupo municipal do Partido Popular de Cangas quere felicitar ao goberno municipal pola súa “repentina” toma de conciencia do estado de abandono no que se atopaba a rotonda de A Rúa.

O concelleiro do PP, Rafael Soliño, celebra polo ben de todos os veciños e veciñas de Cangas a decisión do equipo de goberno de actuar por fin, despois dun ano sen mover palla, na rotonda de A Rúa.

Soliño explica que este tema foi denunciado innumerables veces pola nosa formación, porque entendíamos que non se trataba unicamente dunha cuestión estética, que tamén, senón dun problema de seguridade vial ao que o Concello podía poñer solución con recursos propios. Esperemos, continúa soliño, que a actuación inicial na rotonda de A Rúa se reflicta no resto de glorietas  e estradas municipais e tamén, como non pode ser doutro xeito, naquelas que son de titularidade provincial como é o caso da estrada de Herbello-Magdalena, na  que a herba invade a calzada tapando as cunetas, poñendo en grave risco aos peóns e condutores que habitualmente a transitan. Unha estrada aberta ao tráfico cuxa perigosidade se incrementa día a día coa  proliferación de maleza obrigando aos viandantes a ocupar parte da calzada e cegango aos condutores co conseguinte risco para todos. Lamentablemente, afirma o concelleiro, esta é unha situación que se repite no resto das vías provinciais do concello de Cangas e que deberían subsanar rapidamente.

Continuando coa rolda de  actuacións municipais, teremos que “celebrar” igualmente que se retomen as obras da Alameda de Aldán, porque despois dun mes de reparada a avaría do colector de saneamento, hoxe por fin, se reanudan os traballos cunha escavadora encargada de retirar os escombros de obra depositados no Río, e que por causa desa tardanza nos traballos á que facíamos alusión en distintas notas de prensa, parte deles xa foron arrastrados pola corrente.

En definitiva, esperemos que dunha vez por todas tomen conciencia da situación de abandono que sufre o Concello, que non se soluciona soamente con baldes de pintura e se poñan as pilas polo ben de Cangas.