O PP PRESENTA UNHA MOCIÓN SOBRE A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E O CONSERVATORIO

José Enrique Sotelo Villar, como voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Cangas, presenta para o seu debate polo Pleno da Corporación a seguinte MOCIÓN:

Unha das actividades máis importantes que o Concello a nivel educativo e cultural ofrece aos veciños/as, é sen dúbida a ensinanza musical a través da Escola de Música e Conservatorio.

Os recursos económicos que o Concello percibe por esta actividade son as escasas achegas das Admóns., Xunta e Deputación, e os ingresos derivados das matrículas dos alumnos, co cal o desfase económico é importante.

No ano 2016 a Deputación de Pontevedra co argumento de que poñía en marcha un novo Plan para os Concellos onde se agrupan as inversións en infraestruturas, as distintas axudas tanto a nivel cultural como deportivo ou social, cuestión que o tempo demostrou que non era certo, retirou as axudas aos concellos para as escolas de música e conservatorios, que no caso de Cangas ademais ten ámbito comarcal. Con esta decisión, ao noso entender estase facendo un importante dano a unha das tradicións mais arraigadas na nosa comarca, que é ademais un dos motores culturais para os distintos pobos da provincia.

Estando próximo ao inicio de elaboración dos orzamentos da Deputación, consideramos este momento o mais axeitado para efectuar a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

1º.-O Concello de Cangas insta á Deputación Provincial de Pontevedra a que no orzamento para o ano 2017 reserve unha partida específica, tal e como se viña facendo, para as escolas de música e conservatorios da provincia.

2º.-Remitir este acordo ademais da Deputación de Pontevedra aos Concellos que ao igual que Cangas se viron afectados por esta decisión.