SOLIÑO DENUNCIA O ABANDONO DAS INSTALACIONS DO CAMPO DO KENYATA

O PP quere transmitir o malestar de moitos dos usuarios do Kenyata que pasaron de ter unha instalación deportiva a un espazo degradado en pleno centro urbano e exixe o seu acondicionamento.

O concelleiro do Partido Popular, Francisco Soliño, advirte da situación de abandono absoluto na que se atopan moitas das instalacións deportivas de Cangas (Pistas de Atletismo coa falta de gaiola para o lanzamento de pesas e martelo, vestiarios do Gatañal, Campo de fútbol do Alondras,…), e en concreto as do Campo do Kenyata que, tras algo máis dun ano de goberno tripartito, atópanse descoidadas. Neste tempo pasouse de contar cunha instalación deportiva a ter un espazo degradado e perigoso con cables e redes rotas, apunta Soliño,

Francisco Soliño recorda que antes de finalizar a lexislatura do Partido Popular, na que foi responsable de Deportes, conseguiron que parte da cuberta das gradas retirada do Campo do Alondras, que se atopaba en bo estado, fose trasladada para o campo do Kenyata coa finalidade de revestir a placa do teito dos vestiarios pola que se filtra a auga procedente da chuvia danando a instalación eléctrica, co conseguinte perigo para os usuarios deste recinto. A día de hoxe as chapas continúan sen colocar e o problema do filtrado sen resolver, indicou. E é que, na súa opinión, non é de recibo que esta instalación deportiva careza de mantemento algún, e sinala que o único que fixeron foi pasar a pala para retirar as malas herbas, do resto nada de nada.

O abandono deste conxunto é un exemplo máis da inoperancia do actual goberno municipal, da súa falta de coordinación e previsión, dunha xestión precaria, de promesas incumpridas ao permitir que, o que durante anos fora un recinto deportivo se converta con este goberno nunha instalación descoidada.

Desde o PP reclaman que o equipo de goberno empece a tomar conciencia da realidade e actúen de inmediato, revestindo a cuberta dos vestiarios para que poidan ser utilizados con seguridade durante o inverno, que repoñan as redes e cableados rotos na meirande parte do perímetro do Campo, en definitiva que melloren o seu aspecto actualmente moi deteriorado, que só fai falta vontade e coordinación co servizo de Obras para arranxar e preparar a zona convenientemente, conclúe.