O PP DENUNCIA AS FALSAS MUNICIPALIZACIÓNS DE SERVIZOS DO TRIPARTITO

Os populares se preguntan onde quedaron as promesas electorais das formacións que conforman o goberno local e que acaban de sacar a licitación un novo contrato para a xestión da piscina municipal.

“O sr. Chillón saca un novo proceso de licitación sen evaluar os resultados da xestión do último ano na que estimaba como seguro que se alcanzarían os 1.000 usuarios” sinala o edil popular Fran Soliño.

O grupo municipal do Partido Popular destaca a súa sorpresa polo novo proceso de licitación para a contratación dunha nova empresa que xestione a piscina municipal durante un ano, prorrogable outro ano máis. Os populares lembrán que as formacións de esquerdas que conforman o goberno tripartito prometeron en campaña electoral a “municipalización” da xestión desta instalación deportiva. “Pouco tardaron en firmar un contrato cunha empresa meses depois” lembra o concelleiro popular Fran Soliño. “Falaban que era algo provisional pero o certo e que prorrogaron ese contrato e agora volven a sacar unha nova licitación, ampliando a duración do mesmo” engade.

O PP de Cangas sinala que a piscina non é un caso aislado. “Nos últimos meses vemos como a famosa remunicipalización do ciclo integral da auga xa non será tal, que o servizo de limpeza ou de obras empezan a ser prestados por empresas privadas” sinalan. “Lonxe queda o discurso demagóxico da súa etapa na oposición no que a palabra municipalización aparecía en todas partes” afirman, “é que claro, unha cosa é estar no goberno e outra ben distinta na oposición” sentencian.