SOTELO PREGUNTA A PAZOS SOBRE A DENUNCIA DA POLICÍA LOCAL CONTRA O CONCELLEIRO DE XUVENTUDE

O líder dos populares cangueses presentou esta semana unha pregunta ao alcalde de Cangas Xosé Manuel Pazos sobre a denuncia (feita pública nos medios fai uns días) da Policía Local contra o actual concelleiro de Xuventude Andrés G. Bastón (pertencente ao mesmo grupo municipal co rexedor) por desacato a autoridade.

Sotelo destaca que non é a primeira vez que este edil está no centro da polémica, “pola que é máis coñecido que polo seu traballo como membro do goberno local” resalta, en clara referencia a que García Bastón se encontra encausado nun proceso xudicial por apoloxía do terrorismo nas redes sociais polo que foi detido no mes de xullo do pasado ano na operación “Tarántula”.

Os populares sinalan que o expediente ten data do mes de novembro, sen embargo o informe “desapareceu”, aparecendo de novo fai uns días. Pese o tempo transcurrido non hai constancia de que se iniciara o correspondete proceso sancionador.

Os populares queren saber a valoración que fai o sr. Pazos da actuación do seu concelleiro de Xuventude, “non só como máximo responsable do goberno senon  que tamén como responsable da concellería de Seguridade” recalcan.

Por outra banda tamén queren coñecer as actuacións realizadas e o estado do expediente sancionador así como saber como é posible que o interesado non recibira ata hoxe ningunha notificación sobre dito proceso. “Acaso quere o señor Pazos que o citado informe quede agochado nun caixón?” rematan.