A MENTIRA COMO ELEMENTO INSTITUCIONAL

Ante as declaracións do alcalde e do concelleiro de facenda no día de hoxe sobre os orzamentos 2017, non podemos permanecer calados e queremos aclarar as seguintes cuestións:

1.- O Sr. Pazos e o Sr. Abalo confirman, que onte día 02/03/2017; o goberno xa pasou á oposición toda a documentación relacionada co orzamento. MENTIRA: ás 13:00 horas do día de hoxe ningunha concelleira ou concelleiro do Partido Popular de Cangas recibiu nin unha sola folla que trate do orzamento de este ano. Este é o mellor exemplo de como funciona o goberno municipal, ademais de ocultar a documentación o máximo tempo posible teñen a desvergonza de dicir a mentira de que si nos entregaron a documentación. O alcalde que chegou a dicir que non entregaba a documentación aos grupos da oposición ata último momento para que non provoquemos alarma social, segue coa súa folla de ruta de esconder os papeis e impedir que o grupo maioritario da corporación faga o seu traballo de fiscalización do goberno municipal. Isto é o que entenden os gobernantes de Cangas por transparencia e democracia. Pero realmente, estas son as formas que caracterizan a gobernos autoritarios e sobre todo totalitarios, se non se pensa como eles non tes nada que facer.

2.- O señor alcalde di que non quere convocar un pleno extraordinario para os orzamentos, pero non di que deixa de convocar o pleno ordinario do mes de febreiro no tempo e na forma pactada, o ultimo venres de cada mes; só por causa do presuposto. Demagoxia pura e dura. Tarda varios meses en presentar os orzamentos a súa aprobación por non conseguir por de acordo aos socios de goberno e agora quere tapar esta incapacidade e chapuza, dicindo que todo está correcto, Sr. Pazos cada vez engana a menos xente e chegará un momento que non engane a ninguén.

Ante a falta de entrega da documentación sobre os orzamentos, este grupo esixe que se retire da orde do día da comisión do luns día 6, o punto referente ao presuposto e que se convoque unha comisión para o mércores día 8 no que se poida debater sobre o orzamento con tempo suficiente para analizalo, como se ten feito na lexislatura pasada en mais dunha ocasión, celebrar dúas comisións na mesma semana para dar tempo a estudiar os asuntos. Aínda que sexa entregada hoxe a documentación, non é tempo suficiente para estudiar os papeis e poder debatelo o próximo luns.

Pío Millán

Pío Millán, concelleiro do PP de Cangas.