O PP ACUSA AO TRIPARTITO DE CARGARSE A AULA DO EMPRENDEDOR E O VIVEIRO DE EMPRESAS

Os populares denuncian que tras máis de dous anos de mandato nada se sabe destas dúas iniciativas postas en marcha no anterior mandato para apoiar a creación de novos proxectos empresariais na vila.

O PP de Cangas critica a falta de apoio do actual goberno tripartito aos emprendedores cangueses. Dende a formación sinalan que preguntaron en reiteradas ocasións sobre o funcionamiento do Viveiro de Empresas e a Aula do Emprendedor sen recibir resposta dos actuais responsables muicipais. O grupo municipal sinala que ambas iniciativas foron postas en marcha no anterior mandato co obxectivo de “poñer a disposición dos emprendedores os escasos recursos municipais para axudar a que os seus proxectos empresariais saian adiante” explican. “Por unha banda, facilitando espazos con condicións ventaxosas para instalar as súas compañías e por outra apostando pola formación informal con charlas, coloquios e outras accións encamiñadas a informar e asesorar aos emprendedores cangueses sobre todo o relativo a creación dunha nova empresa dende cero, compartindo experiencias de éxtio na nosa vila” continúan.

Dende a oposición recordan que o tripartito decidiu pechar “temporalmente” o Viveiro de Empresas con motivo dunhas obras de acondicionamento e que dende entón non conta con ningunha actividade. “Reclamamos explicacións, queremos saber que pensan facer con esas oficinas baleiras” recalcan a vez que esixen que se volva a dotar de contido á Aula do Emprendedor con accións formativas axustadas as necesidades dos emprendedores en colaboración con outras administracións, colectivos e asociacións empresariais e que contribúan, aínda que sexa de forma modesta, a creación de novas empresas e de emprego no noso concello” argumentan, “porque, aínda que para este goberno non o sexa, o emprego segue sendo a principal preocupación dos nosos veciños e veciñas” rematan.