O PP RECLAMA NUNHA MOCIÓN AO GOBERNO A DÉBEDA DE 370 MILLÓNS CON GALICIA

Os populares tamén presentan unha iniciativa para descentralizar os servizos sociais e levalos ás parroquias e outra para prohibir fumar nos areais do concello para reducir a contaminación xerada polas cabichas.

O Partido Popular de Cangas presentou unha moción para que a Corporación Municipal  apoio a reclamación da Xunta de Galicia dos 370 millóns de euros que debe o goberno central en concepto de recadación do IVE do 2017 (200 millóns) así como do bo desempeño fiscal (170 millóns adicionais). Na iniciativa se sinala que é un problema que afecta a CCAA gobernadas por diferentes grupos políticos e que sen embargo todas están unidas nesta reclamación ao Goberno de España. Por outra banda “existe outro problema específico para Galicia, que se fixo acredora de cobrar os incentivos fiscais polo seu cumprimento de todas as regras fiscais tanto no ano 2017 como no ano 2018” explican. “Trátase de fondos que estaban consignados nos orzamentos da Xunta para servizos básicos como Educación e Sanidade polo que agardamos o apoio unánime de tódolos grupos políticos sobre un asunto que é de xustiza” sinalan.

A formación tamén presentou unha iniciativa para descentralizar os servizos sociais municipais e achegalos ás parroquias. “Pensamos que a labor dos traballadores sociais é fundamental á hora de informar aos pontenciais usuarios dos programas e axudas existentes” explican, “o contacto directo cos usuarios resulta unha ferramenta moi útil tamén para recibir achegas das súas necesidades” engaden. “Dende o noso grupo creemos que sería unha mellora sustancial do servizo o establecer que polo menos unha vez ao mes o persoal se achegue ás diferentes parroquias” destacan, “facilitando o acceso ao servizo e finalmente un reparto máis equitativo dos fondos”. 

Praias sen fume 

Os populares levan a debate unha proposta de modificación da actual ordenanza de Praias para prohibir fumar en tódolos areais do termo municipal. Dende o grupo municipal destacan cas cabichas son un dos principais residuos que se atopan nestes espazos naturais e destacan os seus efectos negativos sobre o medio ambiente. “Tardan máis de 10 anos en descompoñerse e conteñen sustancias tan nocivas como o cadmio, arsénico, alquitrán ou tolueno” enumeran. “Na actualidade a única praia sen fume é a de Melide pero sen ningunha base na normativa municipal” explican. “Estamos nun momento no que o medio ambiente é unha das principais preocupacións da cidadanía e pensamos que este tipo de medidas van en liña cos compromisos adquiridos polo concello no Pacto dos Alcaldes polo Clima e coa declaración de Emerxencia Climática aprobada polo goberno en xaneiro” rematan.