INFORME DEMOLEDOR DO CONSELLO DE CONTAS SOBRE A XESTIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO DE CANGAS

Nos exercicios 2017 a 2019 dictáronse un total de 641 acordos contrarios aos reparos de intervención por un importe global de 30.182.094,49 euros.

O informe confirma as malas prácticas denunciadas polo Partido Popular nos últimos anos.

Cangas, 17 de marzo do 2023

Nos últimos anos o Partido Popular de Cangas ven denunciando públicamente as malas prácticas que levan facendo no Concello de Cangas en materia orzamentaria cun abuso desporcionado dos contratos menores realizando de forma encuberta faccionamentos de contrato, facendo dos recoñecementos extraxudiciais de crédito algo recorrente e non excepcional e mesmo mantendo un servizo sen contrato en vigor como acontece coa Piscina Municipal A Balea dende o 30/01/2018. Unha situación que xa foi denunciada en reiteradas ocasións polo interventor sen que se tomaran medidas por parte do goberno municipal. Por estes motivos o noso grupo municipal denunciou en varios escritos esta situación no Consello de Contas de Galicia que emitiu recentemente un informe que abarca os exercicios do 2017 ao 2019.

No documento confírmase o abuso dos contratos menores sinalando que a finalidade de moitos son servizos de mantemento, traballos de roza e poda, suministros ou de limpeza e que pola súa natureza son de carácter recorrente. “Sobre unha mostra de sete expedientes avaliouse a xustificación da necesidade de contratación e a acreditación da comprobación material dos investimentos polo órgano de control interno, resultando que en seis dos sete expediente non consta a xustificación da necesidade da contratación, nin a comprobación material dos investimentos” sinala o documento, a vez que avala o criterio do interventor ao indicar que “supera no límite cuantitativo e temporal dos contratos menores” así como constata “a existencia de servizos que se veñen prestando sen licitación e de forma recorrente”. O Consello de Contas recorda a este respecto que “o contrato menor supón unha ameaza cara o cumprimento dos principios da contratación pública de libre concorrencia, transparencia e integridade, así como á afección á eficacia e a eficiencia na xestión dos fondos públicos e ao principio da boa administración”.

Reparos de intervención.

O organismo pon o foco no seu informe no “levantamento sistemático” dos reparos de intervención: “Nos exercicios 2017 a 2019, no Concello de Cangas dítanse un total 641 acordos contrarios aos reparos formulados pola intervención, por un importe global de 30.182.094,49 euros, dos que 7.699.155,72 euros corresponden ao exercicio 2017; 9.632.580,43 euros ao exercicio 2018 e 13.120.358,34 euros ao exercicio 2019”. Tamén resalta unha evolución negativa ao constatar que é unha mala práctica cada vez máis empregada representando entre o 45,36% (2017) ata o 74,85% (2019) das obrigas recoñecidas netas. 

Recoñecementos Extraxudiciais

O órgano fiscalizador denuncia o abuso desta figura que configúrase como unha excepción á disciplina orzamentaria. Sen embargo, nos exercicios 2017, 2018 e 2019 se tramitaron 4 expedientes por un importe total de 978.665,55 euros.

“Este informe ven a confirmar o que vimos denunciando en solitario dende a nosa formación. Levan anos gastando os cartos da veciñanza sen control nin criterio, de forma irregular e sen cumprir cos procedimentos legais” destaca José Enrique Sotelo. “Este informe só abarca ata o ano 2019. Moito nos tememos ca situación ten ido a peor nos sucesivos exercicios” declara. “O primeiro que faremos de chegar a ter responsabilidades de goberno e facer unha auditoría para o conxunto da sociedade canguesa teña un coñecemento exacto e real do que se fixo estes últimos 8 anos” remata.