SOTELO REÚNESE COS VECIÑOS DE NERGA

Na xuntanza estiveron varios representantes da asociación de veciños así como varios membros da candidatura popular.

O obxectivo foi facer balance das actuacións emprendidas nesta lexislatura así como valorar as necesidades e demandas veciñais pendentes.

O alcalde de Cangas e candidato popular á reelección José Enrique Sotelo mantivo unha xuntanza este martes con representantes veciñais da zona de Nerga na parroquia de O Hío. Na reunión, que tivo lugar na Casa da Garita, recentemente rehabilitada como centro veciñal, os representantes veciñais achegaron a Sotelo as súas demandas e as necesidades da zona.

Pola súa banda, o rexedor fixo balance dos proxectos desenvolvidos ao longo destes catro anos de lexislatura neste zona do municipio no que destaca a recuperación da Casa da Garita, reconvertida en centro veciñal para realizar xuntanzas, cursos ou exposicións entre outras actividades. A esta actuación hai que sumar a rehabilitación dunha fonte e dun lavadoiro ou o pavimentado de varios camiños. Sotelo destacou a colaboración amosada pola asociación de veciños, “coa que se contou en todo momento e sen a cal moitas cousas non houberan saído adiante” afirmou. O candidato a reelección comprometeuse a estudar as diferentes suxestións aportadas polos veciños e de acometer as actuacións máis urxentes en datas próximas.

Esta xuntanza está enmarcada dentro dunha rolda de reunións por parte do candidato popular á alcaldía con diferentes asociacións e colectivos do municipio.