SOTELO SINALA COMO PRIORIDADE EN ESPIÑEIRA POÑER FIN AOS VERTIDOS

Celebrou un encontro coa directiva da AA.VV. Espiñeira na que tamén se comprometeu a realizar melloras na PO-315 e achegar a administración local as parroquias a través da Concellería do Rural.

O líder e candidato do Partido Popular de Cangas José Enrique Sotelo continúa coa súa apretada axenda de contactos con colectivos, asociacións e entidades deportivas municipais para coñecer as súas necesidades e demandas así como trasladar as propostas e solucións recollidas no programa electoral da formación para as vindeiras eleccións municipais do 28- M. Nesta ocasión mantivo unha xuntanza coa asociación de veciños de Espiñeira na que se abordou o grave problema de vertidos que se producen periodicamente nesta zona debido a problemas cos bombeos e o deficiente mantemento da rede municipal de saneamento. “Dixeron co problema era pola falta de conexión á rede da Casa do Mar e o tempo demostrou co problema de fondo é outro” sinalou Sotelo. “O noso compromiso é esixir á empresa que cumpra coas súas obrigas e actuar de forma urxente na mellora da rede de saneamento para rematar cos orixes destos vertidos” reiterou.

Tamén abordouse a necesidade de mellorar a seguridade viaria da PO-315 urbanizando os tramos pendentes. “Un proxecto que xa estaba previsto fai anos e que o actual equipo de goberno, como con todo, foi incapaz de levalo adiante” denunciou o candidato popular.

Outras das reclamacións do colectivo veciñal foi a mellora da comunicación e proximidade por parte da administración local coa cidadanía, sobre todo á hora de canalizar as demandas, auxiliar nos trámites administrativos,… Dende o Partido Popular se destacou a futura creación dunha Concellería do Rural co obxectivo de prestar máis atención ás parroquias e colaborar estreitamente dende ese departamento coas diferentes asociacións. “As parroquias sen dúbida foron as grandes esquecidas nestes anos. Este novo departamento municipal será unha ferramenta moi útil para aproximar a administración aos veciños e funcionará como auténtico canle de escoita as súas demandas e necesidades” rematou o candidato popular.

espiñeira3