SOTELO APOSTA POR UNHA CIDADE DEPORTIVA PARA CANGAS

la foto 2O candidato popular á alcaldía de Cangas José Enrique Sotelo mantivo esta tarde unha reunión con clubs deportivos da vila. Na xuntanza o actual rexedor trasladou as súas propostas para o próximo mandato entre as que destacan a construcción de dos campos de fútbol nas inmediacións do Estadio Municipal de Atletismo e da Piscina Municipal ‘A Balea’. “O obxectivo e centralizar as instalacións deportivas nun mesmo sitio ofrecendo un mellor servizo, constituíndo un auténtico espazo de referencia para todos os veciños e veciñas”, explicou o líder popular. Deste xeito, retómase o proxecto de facer unha cidade deportiva no municipio, mediante a construcción de instalacións deportivas por fases.

Estes dous futuros campos de fútbol cumplirían a necesidade de atender as categorías inferiores dos clubs da vila, que co paso dos anos, foron incrementándose o seu número e para os cales as actuais instalacións son insuficientes. “Por exemplo o Alondras ten 14 equipos e ao redor de 300 fichas, polo que moitas veces teñen que adestrar a medio campo” explicaba o actual rexedor.

Ademais Sotelo enumerou outras iniciativas como a realización de melloras no Estadio de Atletismo, destacando a renovación do tartán, para o que será necesario un investimento de 400.000 euros, “estamos valorando diferentes fórmulas para levala a cabo” explicou Fran Soliño, número 6 da candidatura popular. “Son unhas instalacións moi utilizadas por centos de rapaces todos os días polo que é unha actuación prioritaria” sinalou.

Por outra banda Sotelo sinalou a importancia de continuar co programa de deporte escolar “cando algo funciona é mellor non tocalo” afirmou así como apostou pola celebración de eventos deportivos como fórmula de promoción turística, “a nosa vila acolleu estes últimos catro anos ao redor de 300 probas deportivas” afirmou, “máis aló dos grandes eventos, estes eventos sempre supoñen unha atracción de público e familiares dos deportistas que pode favorecer a un dos sectores estratéxicos do noso municipio” explicou aos presentes.

O acto foi pechado por unha quenda de preguntas por parte dos responsables dos clubs que sinalaron a importacia de continuar traballando no mantemento e mellora das actuais instalacións deportivas.