O PARTIDO POPULAR ESTARÁ DO LADO DOS MARIÑEIROS DA CONFRARÍA DE ALDÁN-HÍO

Respecto ás últimas novas publicadas nestes días nos medios de comunicación sobre o pantalán de Ameixide, dicir que o Partido Popular ao respecto ten o criterio claro neste asunto, estar ao lado dos mariñeiros apoiando a única entidade legal e representativa recoñecida como tal para defender os intereses dos mesmos, como é a Confraría de Aldán-Hío, e apoiar aqueles proxectos que cumprindo  estritamente a Lei sexan xeradores de emprego.

Non compartiremos posturas autoritarias, taxantes e ríxidas sen fundamentar dos chiringuitos “ad hoc” creados coa única finalidade de boicotear a Cangas e aquelas inversións xeradoras de novos postos de traballo.

O pantalán de Ameixide que non pantalán deportivo como moitos pretenden chamalo para confundir, non necesita obra civil algunha por tratarse dun porto de abrigo natural na Ría de Aldán. A súa instalación permitirá ademáis regularizar o fondeo que actualmente se fai sen ningún control na zona.

Se o equipo de Goberno tal e como recolle a prensa quixera realmente mediar neste asunto, o puido facelo durante o tempo de exposición pública do expediente e reunirse co único colectivo legal con representación neste asunto para coñecer as opinións dos mariñeiros, pero a vontade é facilmente manipulable para o actual equipo de goberno como moitos dos seus membros veñen demostrando ao longo dos anos e  prefiren ningunear a esta entidade legal e os seus representantes.

Recordar que a Confraría reuniu previamente a todos os seus membros para coñecer o seu parecer sobre o Pantalán de Ameixide e o 90% se posicionaron a favor de dita obra. É importante destacar ademais que un porcentaxe dos amarres serán para destinados os mariñeiros, concretamente máis dun 20% das prazas.

O sector servizos ofrécenos unha oportunidade de crecemento e proxectos como o de Ameixide será un elemento máis xerador de emprego para o noso Concello e non o debemos eludir.

Está claro que algúns defenden coa boca pequena  o Turismo e por detrás se enfervorizan poñendo trabas e prexuízos ao crecemento de Cangas, a pesar de ser un elemento dinamizador para o mercado laboral e a economía da Vila.

Para rematar aclararlle á concelleira de Servizos que a día de hoxe o que están a solicitar para o pantalán de Ameixide é a reserva dun espazo de lámina de auga. Non existe un proxecto que defina os postos de amarre, etc., e que os trámites ata o de agora son os correctos e os que marca rigorosamente a Lei, que o proceso inicial céntrase na presentación da solicitude de reserva da lámina de auga, tal e como se fixo, para posteriormente realizar o informe de avaliación ambiental e finalmente presentar o proxecto.