OS POPULARES NON QUEREN QUE O ALCALDE DE CANGAS SE “VAIA DE ROSITAS” NO TEMA DO FACHO

O concelleiro popular, Rafael Soliño, pídelle ao alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, máis rigor e responsabilidade no relativo á lamentable  situación na que se atopan as escavacións  de O Facho e os seus accesos, e deixe de botar balóns fóra.

Soliño recórdalle a Pazos que como máximo responsable de Cangas ten a obriga de protexer o Patrimonio de Cangas e o deber moral de proporcionar os medios necesarios para evitar o abandono no que nestes momentos se atopa o xacemento castrexo do Monte do Facho de importancia local, comarcal e provincial, e non escudarse en mocións de urxencia para quedar ben cara a opinión pública cando  logo cala e  ignora o problema.

O voceiro popular requírelle a Pazos que non pretenda ir de abandeirado de O Facho cando estivo catro anos na lexislatura 2007-2011 como responsable de Cultura sen apostar pola escavación, non deu un paso adiante a favor da súa protección, nin  garantiu a conservación do enclave, e agora, preto de ano e medio como máximo responsable municipal sigue ignorando o problema, e o que é máis grave descoñecéndoo, pois nin se  molestou en consultar a información derivada dos compromisos adquiridos co convenio en vigor, asinado no seu día por Concello, Deputación e Ministerio de Fomento para a recuperación e mantemento do patrimonio arqueolóxico, conclúe Soliño.

O PP desde fai tempo leva exixindo do Concello e os seus responsables que xestionen, actúen e se impliquen para frear o deterioro do Xacemento para protexelo, con medios propios se é preciso, pero a falta de actuación municipal é palpable.

En definitiva, Rafael Soliño volve a requirirlle á actual Corporación municipal que tomen conciencia da situación para eviten a continua degradación que sufre este asentamento.