SOTELO APOSTA POR CONTINUAR POTENCIANDO O FACHO COMO ATRACTIVO TURÍSTICO

visita conselleiro

O popular lembra que o xacemento contará na próxima lexislatura con novos investimentos grazas a un convenio asinado polo Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra.

O candidato do PP a reelección J. E. Sotelo sinala o seu compromiso de continuar traballando na posta en valor do xacemento castrexo do Facho e a súa potenciación como lugar de especial atractivo turístico. “Cangas ten a sorte de contar cun patrimonio histórico e artístico moi importante no cal o xacemento de O Facho ocupa un lugar destacado” declara. Este mesmo ano o Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra asinaron un convenio para financiar con 6,5 millóns de euros as actuacións no xacementos galaico-romanos da provincia, encontrándose o xacemento cangués entre os tres enclaves que recibirán unha maior aportación, “logramos situar O Facho na primeira división, xa que é único ao tratarse dun santuario e lugar de peregrinación” explica Sotelo, “que servirá para desenvolver a musealización do lugar mediante a instalación dun Aula de Interpretación” recalca.

Declaración BIC

Os populares destacan o traballo realizado estes catro anos, “logramos a declaración de Ben de Interese Cultural o que supón que a Conselleiría de Cultura ten que aportar fondos para a súa conservación e posta en valor” destacan, “tamén avanzamos en colaboración coa Deputación de Pontevedra na súa sinalización e nas tarefas de limpeza e de conservación” engaden, “mellorando o entorno da Caracola e os espazos de estacionamento de vehículos con pavimento ecolóxico” rematan.