O SR. ABALO PROPÓN ENQUISTAR O PROBLEMA DO CICLO DA AUGA

Despois de mais de sete meses de goberno, os actuais responsables do Concello, seguen dando bandazos e paus de cego sobre a problemática do ciclo da auga. No mes de abril do 2015 todos os grupos políticos acordamos anular os prezos da auga que estaban para 2015, e aplicar os prezos de 2014. Os que hoxe gobernan prometeron en campaña electoral solucionalo todo. E aínda agora non son capaces de dar nin a mais mínima resposta.

Cada certo tempo están propoñendo unha solución milagreira:

1.- Cobrar o 2º Padrón do 2015 nun prazo de 15 días, de forma ilegal, e ademais se incumpría o acordo do pleno de abril de 2015, onde se pedía  aplicar as taxas do 2014.

2.- Posteriormente publican no BOP a aprobación da modificación da ordenanza coa intención de cobrar segundo o acordo do pleno de abril de 2015, pero esta publicación non se consensua coa empresa e o que é mais grave, se recorre por persoas afíns a un grupo político que forma parte do goberno.  Dito feito pon de manifesto que non existía intención algunha por parte do goberno de que esta modificación da ordenanza saíra adiante.

Dende agosto nos trasladan a través dunha concelleira que as negociacións coa empresa están indo ben e que en breve haberá solución a este problema. A realidade e que se leva sen facturar un ano de servizo e que antes ou despois haberá que pagalo.

No pleno do día 5 do presente mes se nos informa que a mediados de mes haberá un pleno extraordinario para tratar o Ciclo da Auga e que se presentará unha proposta de ordenanza fiscal que  soluciona o problema.  Nese debate coincidimos todos na necesidade de ese pleno, e sobre todo en que exista unha proposta concreta que nos axude a dar pasos para adiante.

Cal é a nosa sorpresa que neste medio de comunicación, no día de hoxe o sr. Abalo non fala dunha proposta concreta de ordenanza fiscal, senón que propón aos seus socios de goberno derogar a anterior ordenanza fiscal por supostos incumprimentos legais. A verdade é que o sr. Abalo non deixa de sorprendernos, poñendo de manifesto que a súa intención está mais encamiñada a enredar o problema que a solucionalo. Queremos lembrarlle que a ordenanza que el di que é ilegal está informada técnica e xuridicamente de forma favorable, en ditos informes se di que este documento cumpría con todos os preceptos legais dende o punto de vista sectorial e administrativo. Tivo tempo suficiente para analizar ou reclamar sobre o que consideraba irregular e non o fixo. Pero chega a estas alturas, cando se fai mais necesaria que nunca unha solución concreta é viable, e ten o atrevemento de presentar unha proposta de bloqueo e empeoramento do problema, sendo unha falta de respecto total a toda a corporación e a veciñanza de Cangas.

E sabido que o sr. Abalo se sinte cómodo cando as cousas non avanzan e se quedan estancadas , botándolle o culpa a calquera, eximíndose de toda responsabilidade. Esta demostrado que non lle interesa que este pobo avance nin que haxa solucións aos problemas do pobo.

Reiteramos que é moi necesario que na problemática do Ciclo da Auga se dean solucións concretas e viables e que non se actúe con abaladas que o único que perseguen é o bloqueo do Concello e o estancamento dos servizos da cidadanía.

 

ROLDAORZAMENTOS