CANGAS, A CIDADE DOS NENOS?

O pasado venres 29 de abril, na sesión plenaria do Concello de Cangas, presentouse, por parte do equipo de goberno, unha proposta de adhesión do noso Concello ao Proxecto avalado pola Deputación de Pontevedra “A cidade dos nenos”.

A cidade dos nenos é un proxecto impulsado en 1991 por Francesco Tonucci, pedagogo italiano, que parte da filosofía de que unha cidade á medida da  infancia redunda nunha maior calidade de vida para todos.

Así promoveu un Consello da Infancia para o deseño e a planificación dos espazos urbanos. E a partir de 1997,  a iniciativa foise estendiendo por numerosas cidades de Italia, España e Latinoamérica.

Que os rapaces poidan camiñar e xogar libres, confiados  e seguros polas nosas prazas e rúas, é unha das principais ideas deste proxecto, que o grupo do Partido Popular apoiou valorando os aspectos positivos que poden garantir a seguridade da poboación infantil da nosa vila.

Pero por desgraza, a realidade coa que se atopan cada día as nenas e nenos de Cangas é algo totalmente diferente.

O estado de abandono e degradación en que se atopan os espazos públicos, as rúas e beirarrúas pola que cada día se ven obrigados a transitar os máis pequenos no seu percorrido á escola, é especialmente denigrante.

Queremos dende aquí denunciar este feito.

Os parques absolutamente devorados polas herbas e a maleza que fan impracticable a mesma entrada a esa zona de xogos que en moitas parroquias é o único lugar común de lecer para os pequenos.

As beirarrúas, totalmente destrozadas, pola que cada día, nenas e nenos de distintos centros educativos transitan para poder acceder  ao transporte escolar.

Semáforos, como o de Sto. Domingo, que leva meses sen funcionar, pese as reiteradas denuncias veciñais, e que supón un risco para a cidadanía en xeral, pero especialmente para as nenas e nenos que teñen alí a súa parada de bus escolar.

Este é o modelo que propón o Grupo do Goberno de Cangas para garantir a seguridade dos máis pequenos?

Nin garantía de Camiños Escolares, nin espazos de lecer, nin seguridade viaria…..

Abran os ollos e tomen as medidas necesarias antes de que sucedan feitos dos que todos nos teñamos que lamentar.

Dolores Gallego, concelleira do PP de Cangas.