AS LIORTAS DO GOBERNO DE CANGAS RETRASAN O ORZAMENTO 2017

Mediados de febreiro e os gobernantes de Cangas non dan sinal de presentación do orzamento para o ano 2017.

No mes de novembro do pasado ano anunciaron que o documento estaba practicamente pechado dando o importe total e as partidas mais representativas, case tres meses despois aínda non se sabe cando o presentarán para a súa aprobación.

Están xustificando o retraso con argumentos peregrinos, como o de que teñen que chegar a un acordo cos traballadores, cando no ano anterior non tiveron en conta para nada a opinión dos empregados municipais e presentaron o presuposto igual, por iso esa xustificación non ten credibilidade algunha.

O certo é que as diferenzas entre os grupos políticos do goberno son cada vez maiores, xa son públicos os enfrontamentos entre os distintos membros do goberno. Esta é a causa principal de que nos atopemos a mediados de febreiro e non este presentado o documento mais importante do ano para súa aprobación.

A obriga dun goberno é xestionar, e un dos instrumentos fundamentais para a xestión diaria dun Concello é a existencia dun orzamento actualizado e adaptado á realidade económica do municipio. En Cangas, supostamente, o documento está practicamente pechado, pero non se presenta por falta de entendemento . Que non haxa orzamento inflúe no inicio dalgúns procedementos administrativos para contratos de obras e servizos.

Pero isto non parece preocuparlle aos responsables políticos do goberno de Cangas, que gastan o seu tempo a intentar pórse de acordo en vez de dedicar o tempo a xestionar e gobernar, e está claro que cada vez deberán dedicar mais tempo e esforzo en pórse de acordo, xa que é publico que as diferenzas entre eles van a mais.

Dende o grupo municipal do partido Popular de Cangas esiximos que se presente para o seu debate o orzamento , aínda que nos tememos que sexa un documento que busque deixar contentos aos distintos intereses partidistas do goberno de Cangas en vez de un documento que cubra as necesidades deste municipio para o ano 2017.

 

Pío Millán

Pío Millán, concelleiro do PP de Cangas