O PP DENUNCIA QUE O TRIPARTITO AÍNDA NON CREOU A CENTRAL DE COMPRAS

Un ano despois de anuncialo “aínda sona a conto chino”, ironiza Millán.

O compromiso do goberno tripartito de Cangas de crear unha central de compras caiu en saco roto e, máis dun ano despois de anuncialo en sensión plenaria na que se aprobaron os orzamentos municipais do 2016, aquel anuncio “sona a conto chino”, segundo sinalan dende as filas populares. O concelleiro do PP Pío Millán quere saber cales son as causas do incumprimento e se o executivo local aínda mantén esa previsión de poñer en funcionamento a unidade central de compras e en que datas.

O edil argumenta que foi a finais do 2015 cando o PP presentou unha moción instando ao goberno a crear, dende os servicios económicos do concello, a unidade de compras “coa intención de mellorar na xestión e buscar un aforro á hora de adquirir e contratar os distintos bens e servizos necesarios para o funcionamento desta administración”. Aquela moción foi rexeitada polos tres grupos que forman o goberno, lembran dende a formación, “xustificando que xa constaba ese compromiso no texto do orzamento”, e por tanto, “ao aprobar o orzamento para o 2016, estábanse comprometendo a realizalo”.

“Pero o tempo foi o encargado de confirmar o contrario” lamenta Millán, “pois transcurrido máis dun ano e finalizado o exercicio do 2016 non se avanzou nada neste aspecto”. Ao contrario recalcan dende o grupo político, porque actualmente “mantéñense contratos de suministros de bens que deberían ser actualizados, tanto en prezos como en tipo de artigos a utilizar”, e poñen de exemplo o material de limpeza. “En resumo, o compromiso de establecer unha central de compras atópase totalmente incumprido e planificar a labor de compra a realizar por todos os servizos do Concello sona a conto chino. Cada departamento vai polo seu lado, sen existir unha coordinación centralizada”.