O PP ACUSA AO GOBERNO LOCAL DE OSCURANTISMO

Os populares denuncian a falta de transparencia do equipo de goberno, “só hai que visitar a web municipal con moita información desactualizada ou incompleta” destacan.

O Partido Popular de Cangas denuncia a opacidade coa que actúa o goberno local de Cangas e poñen como exemplo a falta de mantemento e actualización de información do portal web da institución, “só por citar un exemplo, non hai actas das Xuntas do Goberno Local dende o pasado 6 de abril” afirman, “e iso que se celebran todas as semanas” ironizan. A esta carencia suman a información desactualizada noutros apartados nos cales nin tan siquera se chegou a colgar información. “Cangas ten o goberno menos transparente da súa historia” recalcan os populares que lembran a existencia dun acordo plenario por unanimidade para co goberno rinda contas do grado de execución das mocións aprobadas pola cor- poración, “por suposto, como xa é costume non se fixo nada”. A formación recorda ca área de transparencia é dirixida pola propia alcaldesa, “tal vez iso o explique todo. Entre tanta foto e as liortas internas do seu goberniño (está composto por 4 dos 21 concelleiros da corporación) a transparencia é o de menos”.

O grupo municipal reclama que se actualice a información na web para que sexa de libre acceso e consulta para toda a veciñanza e especialmente que publiquen xa as actas das Xuntas de Goberno, “ou acaso teñen algo que agochar ao pobo de Cangas?” se preguntan. Para os populares non é baladí esta ausencia xa que é neste órgano onde se tratan asuntos relevantes do día a día municipal. “É inaceptable que se incumpra sistemáticamente a ordenanza de Transparencia por parte da propia responsable da área e máxima mandataria do noso concello”. “Como acontece sempre unha cousa é presumir de transparencia e outra ben distinta é exercela” rematan.