SOTELO PROMETE UN PLAN DE CAMIÑOS PARA CADA PARROQUIA

Serán consensuados coas asociación de veciños de cada zona, “que son os que coñecen mellor as necesidades de cada sitio” recalca o candidato popular.

O líder do Parido Popular e candidato a reelección J. E. Sotelo anuncia que se continúa no goberno local despois do 24 de maio, o Concello elaborará un Plan de Camiños para cada parroquia co obxectivo de “coordinar e priorizar da forma máis eficaz as actuacións de acondicionamento e limpeza dos numerosos camiños municipais” explica. “O documento será elaborado coa colaboración das diferentes asociacións de veciños que coñecen perfectamente o estado dos camiños nas súas respectivas zonas e que nos poden asesorar sobre onde os traballos son máis urxentes” sinala.

Actuacións

Sotelo sinala que ao longo do mandato traballouse neste sentido, mellorando diversos camiños en todas as parroquias, “en Aldán podemos citar o camiño da Costa, o os accesos a praia de Menduíña e de Areacova, en Hío executamos actuacións na zona de Nerga e nestes momentos estase traballando en varios camiños da zona de Pinténs, en Darbo hai que destacar o camiño do Piñeiro e varios camiños na zona de San Roque, por citar algún” destaca. “Sabemos que é unha das cousas máis demandadas no rural do municipio” declara, “polo que queremos intensificar o noso compromiso de cara aos próximos catro anos” remata.