PECHE DA CAFETERÍA DO CENTRO DE MAIORES POLA DESIDIA DO TRIPARTITO

Dende o día 1 de xaneiro do 2016 a cafetería do Centro de Maiores de Cangas deixou de dar sevizo, que venían prestando dende a inauguración do centro. A directiva que xestionaba a cafetería informou ao goberno municipal con TRES MESES DE ANTELACIÓN (a comezos do mes de outubro) as súas intencións de deixar de dirixir o servicio de cafetería.

O Partido Popular de Cangas denuncia unha vez máis a desidia e a falta de xestión do actual goberno tripartito que foi incapaz en tres meses de crear uns pliegos para sacar a concurso público o servizo de cafetería do Centro de Maiores.

“Levan tres meses sen facer ningunha xestión para poñer en marcha e darlle continuidade ao servizo de cafetería e agora temos as consecuencias: a cafetería pechada, deixando de ser un espazo de reunión, xogos e actividades para os nosos maiores”, explica o voceiro municipal Rafa Soliño.

Este feito súmase a longa lista de exemplos do abandono do goberno tripartito das súas obligacións en diferentes áreas. Nesta ocasión volven a ser as persoas maiores os principais damnificados (hai que lembrar o fracaso da Festa de Nadal para maiores, en sustitución á tradicional Festa de Maiores de verán, cun custe por comensal de 20 euros). “Maiores que moitos de nosotros lles temos que agradecer a súa xenerosidade e axuda nestes tempos de dificultades económicas” destaca Soliño.

“A día de hoxe, é unha incógnita cando se vai a poñer en marcha de novo o servizo” reitera o edil popular, “servizo que sempre tiveron tanto no presente centro como no centro situado na Casa Juan e que con este goberno, por primeira vez, desaparece” explica.

O PP de Cangas, reitera que o Centro de Maiores foi creado para centralizar os servizos dirixidos ás persoas maiores, para que estas instalacións lles ofrecera ocio, cultura e actividades. Nestes momentos, por desgraza, o centro encóntrase cunha actividade baixo mínimos e o arrinconamento paulatino e progresivo dos maiores.

 

cafetería- centro de maiores