HERMELO CRITICA O ESTADO DE ABANDONO DA RUTA COSTEIRA DE AREAMILLA

A edil do Partido Popular en Cangas Dolores Hermelo critica o estado no que se atopa a senda costeira que transcorre desde Areamilla ata Santa Marta. A concelleira apunta que “ademais das papeleiras rotas é evidente, o pouco ou ningún caso que se lle está facendo á súa preservación” e lembra que hai uns meses preguntaron na sesión plenaria sobre a subvención concedida para acondicionar a senda desde o peirao da Congorza e finalizando en Santa Marta. Hermelo engade que a intención era unir o paseo de Massó coa senda incluíndo a iluminación do túnel, “algo moi reclamado polos veciños e veciñas”.

Hermelo apunta que a formación está a esperar resposta do Concello e que “a día de hoxe o único certo é que toda esta ruta costeira, unha das máis concorridas que temos, está nunhas condicións que non reflicten para nada preocupación por preservar e manter este espazo natural”. A edil esixe que se repoñan as papeleiras e asegura que o interior do túnel “é unha pista de patinaxe” debido ao verdín que se acumula. Tamén incide na necesidade de limpar as pintadas nos carteis. “Sabemos que durante o inverno os labores de mantementos son as mínimas, pero creo que polo menos ese mínimo debería realizarse, e non permitir que a deterioración siga”.

A edil do PP lembra a proximidade de Semana Santa e que, “debido ao gran labor das nosas confraría, cada vez temos máis visitantes”, polo que solicita que o Concello adecue a senda para poder ofrecer unha oferta natural ademais da relixiosa e gastronómica. Hermelo convida a traballar entre todos e todas para coidar a contorna e engade que “está moi ben que concienciemos aos veciños coa limpeza e recollida de residuos, coa reciclaxe e compostaxe, pero non nos esquezamos nunca que o mellor ensino dáse co exemplo”.