O PP CRITICA A FALTA DE IMPLICACIÓN DO GRUPO DE GOBERNO NA ACTIVIDADE MUNCIPAL
Os responsables municipais deben implicarse nas distintas actividades que se celebren no Concello.
A Concelleira do Partido Popular, Dolores Gallego, lamenta a actitude dos membros do equipo de goberno pola súa falta de implicación, traballo e organización nas distintas actividades que se desenvolven no Concello.
Manifesta que todos os actos públicos deben contar con representación municipal evitando no sucesivo que eventos como o “Encontro intermunicipal de Bandas de música”, celebrado o pasado fin de semana, acabe con “plantón institucional” tal e como o constatou o Director da Banda de Música, quen incidiu no reiterado comportamento da institución local noutros eventos anteriores a este. Todos estamos moi ben na casa ou de vacacións, declara a Concelleira, pero debemos involucrarnos, participar ou cando menos xustificar as ausencias máxime cando se ten responsabilidade municipal.
Non se trata dunha cuestión de cartos, nin de partidas contables, senón de implicación e respecto polo esforzo dos demais.
Pero algo non acaba de funcionar no Concello de Cangas, asegura Gallego, cando eventos como a coñecida “Festa dos Maiores” termina por segunda vez consecutiva cancelada por falta de inscricións.
A festa homenaxe dos maiores de Cangas organizada en edicións anteriores polo servizo municipal de Benestar Social, está abocada lamentablemente á desaparición pola falta de complicidade municipal, advirte. Non hai mobilización, esforzo e coordinación por parte do ente local para que un acto coma este, de recoñecemento público á labor dos nosos maiores, transmita ilusión como en anos anteriores convocando un número importante de persoas. O único que evidencia é o caos da improvisación na área de Benestar.
Sobran razóns para celebralo, asegura a concelleira popular, e persoas para coordinalo convenientemente sen escudarse no desinterese dos cidadáns. Por iso, denuncia a paradigmática desidia dos representantes municipais a quen lle reclama menos demagoxia e máis compromiso na súa xestión.