O PP DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA COA QUE ACTUA O CONCELLO DE CANGAS
O grupo municipal do Partido Popular denuncia novamente as mentiras e falta de información do Concello no tócante ás obras de reparación dos vertidos ao río Orxas.
O concelleiro popular, Jesús Grañas, afirma que xa fai mais dun mes o Partido Popular no Pleno do mes de Xullo formulou unha serie de preguntas dirixidas á concellería de Obras e Servizos, Mercedes Giraldez, polas reparacións de saneamento responsable dos vertidos ao río Orxas levadas a cabo na Alameda de Aldán.
Nesas preguntas o Partido Popular requiríalle a documentación relativa a eses vertidos, obras correctoras e problemas de contaminación da praia de San Cibrán, que desencadearon o izado da bandeira vermella. Tamén se lle preguntou, puntualiza Graña, pola retirada da citada bandeira e apertura do areal ao baño, así como as análises, se as houbo, que referendaron dita apertura.
A concelleira de Obras e Servizos comprometérase a facilitar toda esa información á oposición, asegura Jesús Graña, pois ben, a día de hoxe, diso nada sabemos. É unha mostra máis do escurantismo e ocultación de información por parte deses abandeirados da transparencia, puntualiza.
Tras as continuas denuncias de veciños e veciñas da zona, así como do grupo municipal do PP sobre á parálise das obras e do acumulo de refugallos depositados no entorno da Casa do Mar de Aldán, a Sra. Giraldez intenta vender que as obras nunca se paralizaron e que incluso se ampliaron. Pois ben, di o concelleiro Popular a realidade é outra como se pode constatar facilmente:
- Se o problema xa estaba detectado, tal e como afirmou a Concelleira, por que se espera a un grande vertido contaminante en pleno verán?
- Que obriga a pechar a praia de San Cibrán ao baño?
- Por que se espera a pleno mes de agosto e en plena tempada de baño a realizar as citadas obras?
Posteriormente ábrese este areal ao baño sen as análises correspondentes que referendarían a idoneidade das augas para o baño. A día de hoxe nada sabemos sobre esas analíticas, sinala Graña. Cando menos sería unha imprudencia moi grave e ilegal actuar coa irresponsabilidade de abrir unha praia ao baño sen efectuar unhas análises previas.
É agora, como resposta, cando a Sra. Concelleira véndenos que sempre se estivo traballando e reparando outras causas de vertidos: MENTIRA!! Todos os que pasamos habitualmente pola zona observamos que estiveron sen traballar case que un mes. É inmoral que unha persoa poida dedicarse a mentir tan descaradamente, conclúe.
O Partido Popular pídelle a Sra. Giraldez que deixe de insultar á intelixencia dos cangues@s, que están fartos de vendedores de fume e falsidades e indica que se lle volverá a pedir por rexistro de entrada estes informes, a pesar de que xa coñezan a resposta, como ven sendo habitual para con todas as preguntas do grupo municipal do PP: non saben, non responden.